Novas

luns, 03 de outubro de 2022

Os comerciantes de Ferrol interesados en participar na nova campaña deseñada polo Concello para incentivar as compras nos negocios locais poden inscribirse ata o venres

Poden anotase, totalmente de balde, a través da web https://www.ferrol.gal/bonoscomercio. Xa son preto de 30 os locais inscritos na campaña ‘Bonos Comercio Ferrol’, que busca animar á poboación a mercar nos establecementos comerciais de todo o municipio a través do reparto de rascas por un importe total de 4.000 euros. Haberá premios de 10 e 20 euros, que se poderán canxear desde o 24 de outubro ata o 17 de decembro, e haberá dous especiais de 100 euros cada un


Os comerciantes de Ferrol interesados en participar na nova campaña deseñada polo Concello para incentivar as compras nos negocios locais poden inscribirse ata o venres

Os comerciantes interesados en participar na nova campaña deseñada polo Concello de Ferrol para incentivar as compras nos establecementos da cidade e incentivar o consumo poden inscribirse ata o próximo venres, 7 de outubro, a través do enlace https://www.ferrol.gal/bonoscomercio, onde atoparán toda a información e o formulario de inscrición. Xa son preto de 30 os locais inscritos. 


A iniciativa está dirixida a animar á poboación a mercar nos establecementos comerciais de todo o municipio a través do reparto de rascas premiados por un importe total de 4.000 euros. Emitiranse preto de 3.300, que poderán estar premiados con 10 ou 20 euros. Tamén haberá dous premios especiais, denominados ‘Arcoiris’, de 100 euros cada un. 

Cada boleto premiado estará marcado co cor dunha das cinco categorías que establece a campaña segundo o sector comercial —moda, alimentación, ocio, fogar ou look (florerías, droguerías, xoierías, óptica, entre outros)— ao igual que os comercios, que lucirán nos seus escaparates o cor da categoría á que pertence. 

O canxeo de bonos realizarase entre o 24 de outubro e o 17 de decembro nos establecementos adheridos á campaña e poderán gastarse no sector de actividade que resulte premiado. Para poder gastalos, o importe da compra deberá ser igual ou superior ao importe do bono e só se poderá utilizar un en cada compra. Unha vez rematado o prazo de inscrición para os comercios, a web do Concello de Ferrol publicará a listaxe dos locais participantes. Ademais, para dar a coñecer a nova iniciativa, durante os primeiros días da campaña un trasgo percorrerá o municipio cargado de rascas para repartir na rúa.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar