Novas

sábado, 01 de outubro de 2022

O Concello celebra hoxe o Día Internacional das Persoas de Idade

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acudiu xunto coa concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, ao Antigo Hospicio para recibir aos preto de 50 veciños que participaron na xornada festiva, que remata no centro de maiores da rúa Río Xubia cunha actuación musical e petiscos ferroláns


O Concello celebra hoxe o Día Internacional das Persoas de Idade

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asistiu esta mañá ao Antigo Hospicio de Ferrol para recibir ao preto de medio centenar de persoas maiores inscritas na xornada organizada polo Concello de Ferrol polo Día Internacional das Persoas de Idade, que se celebra no día de hoxe. O rexedor escoitou aos veciños, que lle comunicaron as súas inquedanzas, e trasladoulles sentirse “moi orgulloso” de que Ferrol conte cunha gran poboación de persoas maiores e “do valor que aportan á sociedade coa súa experiencia de vida”. 


O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. Os participantes na xornada iniciaron unha andaina desde o Antigo Hospicio que conclúe no centro de maiores da rúa Río Xubia, onde gozarán dunha actuación musical e de petiscos ferroláns. Tamén colaboraron na promoción da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial realizando barcos de papel no marco do programa ¿Contamos contigo?’.

Sigue aberto o prazo para asistir en bus de balde a San Froilán 
A concelleira lembrou esta mañá que o Concello de Ferrol pon a dispor da poboación de máis de 65 anos de Ferrol dous autocares de balde con capacidade para 55 persoas cada un para asistir ás festas de San Froilán en Lugo, o próximo 8 de outubro. O programa inclúe a ida e regreso desde Ferrol e unha visita guiada a pé pola cidade, de dous horas de duración, cun guía. As persoas que desexen contratar a comida nun restaurante de Lugo tamén poderán facelo. Os interesados deben anotarse nas oficinas de Galitur en Ferrol, na rúa Rubalcava, 26. O teléfono de contacto é 981 930 706 e o correo electrónico: info@viaxesgalitur.com.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar