Novas

martes, 09 de agosto de 2022

O Concello recibe preto de 30.000 euros para desenvolver na cidade proxectos dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A concelleira de Igualdade e Muller, Cristina Prados, informou que esta partida subvencionará iniciativas postas en marcha desde o 1 de xullo ata o 30 de xuño do próximo ano Supón un incremento de 6.000 euros respecto ao pasado ano. A edil lembrou que na distribución de fondos se tivo en conta que o Concello de Ferrol leva dous anos formando parte do programa Vioxen, un plan dirixido á loita contra a violencia de xénero en colaboración coa Policía Local


O Concello recibe preto de 30.000 euros para desenvolver na cidade proxectos dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

O Concello de Ferrol vai recibir este ano 29.827,16 euros, 6.000 máis que en 2021, para o desenvolvemento de proxectos no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, un plan de distribución do fondos destinados aos concellos co fin de erradicar a violencia de xénero. 


A concelleira de Igualdade e Muller, Cristina Prados, informou esta mañá que esta partida subvencionará iniciativas postas en marcha desde o 1 de xullo deste ano ata o 30 de xuño de 2023, un período no que ademáis do Punto Violenta que se instalará en distintos puntos da cidade durante as próximas festas de verán de Ferrol, a finais deste mes, o Concello vai desenvolver iniciativas orientadas a “sensibilizar nunha problemática que nos preocupa moito e sobre a que é necesario incidir”. Engadiu que as accións programadas para os próximos meses estarán dirixidas a toda a poboación, “tamén ás idades máis temperás posto que é vital o traballo de concienciación entre os mozos e mozas”.

Ferrol leva dous anos no programa Vioxen 
O Concello recibe este ano 6.000 euros máis que o pasado ano, cando obtivo 23.901,97 euros. A edil lembrou que na distribución de fondos tivéronse en conta os municipios que forman parte do programa Vioxen, entre os que se atopa Ferrol desde hai dous anos, cando o Concello ratificou coa Subdelegación do Goberno a participación da Policía Local de Ferrol no mencionado sistema de loita contra a violencia de xénero. Trátase dun protocolo de colaboración entre o Corpo de Policía Nacional e Corpo da Policía Local de Ferrol destinado a garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero. 

O sistema Vioxen permite á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista na cidade de forma que os propios axentes municipais asumen o seguimento e control dalgúns dos casos. Este protocolo establécese tras a creación da Mesa Local de Coordinación Policial, na que están presentes a Policía Local e a Policía Nacional, ademais da Policía Nacional Adscrita, e que ten como finalidade principal sumar esforzos na loita contra a violencia machista.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar